Con que frecuencia debo actualizar a miña Páxina Web?

Se desexas mellorar a relevancia en internet da túa Páxina Web e aparecer entre os primeiros resultados cando alguén realiza unha procura en Google, unha das mellores cousas que podes facer para logralo consiste en actualizar frecuentemente os contidos da túa Páxina Web.

Isto é debido a que os principais buscadores de internet (Google, Bing, etc.) na práctica ignoran aquelas páxinas web cuxos contidos non se actualizan con frecuencia, considerándoas como irrelevantes e relegándoas ás últimas posicións nas súas páxinas de resultados.

Por tanto, é moi recomendable actualizar frecuentemente os contidos dunha Páxina Web para mellorar a súa relevancia e o seu posicionamento nos buscadores. E unha forma sinxela de actualizar con frecuencia os contidos dunha Páxina Web consiste en engadirlle un Blog. O Blog permitirache engadir periodicamente:

  • Calquera información relacionada co sector dentro do cal se atopa enmarcada a túa Páxina Web.
  • Calquera noticia que resulte de interese para o público ao que vai destinada a túa Páxina Web.
  • Ofertas para os teus clientes, avisos, etc.
  • Etc.

Grazas a estas actualizacións periódicas do Blog da túa Páxina Web, conseguirás ao mesmo tempo engadir con frecuencia novos contidos á túa Páxina Web, e se estes contidos son de calidade, conseguirás mellorar a súa relevancia e o seu posicionamento nos buscadores.

Unha vez que sabemos que debemos engadir periodicamente novos contidos de calidade á nosa Páxina Web, podemos preguntarnos con que frecuencia deberiamos facelo. E a esta pregunta é á que pretende dar resposta esta entrada do noso Blog.

Recentemente, a empresa Hubspot, especializada na creación de software orientado ao márketing online, publicou un interesante estudo que pode axudarnos a coñecer con que frecuencia debemos actualizar a nosa Páxina Web. Este estudo está baseado nos datos reais de 4000 clientes desta empresa e os resultados do mesmo mostran a existencia dunha forte correlación entre a frecuencia coa que se actualiza un Blog e o número de visitas que este recibe.

Segundo os resultados deste estudo, aqueles Blogs que se actualizaron entre 16 e 20 veces ao mes conseguiron máis do dobre de tráfico que os que tan só se actualizaron menos de 4 veces ao mes. Do mesmo xeito, aqueles Blogs que se actualizaron polo menos 20 veces ao mes conseguiron 5 veces máis tráfico que aqueles que se actualizaron menos de 4 veces ao mes.

Neste estudo tamén se mostra unha correlación entre o número de "leads" conseguidos e a frecuencia de actualización dun Blog. Un "lead" é un termo inglés que se utiliza para facer referencia a un cliente potencial, é dicir, a alguén que declarou a súa intención de adquirir un determinado produto ou servizo. Segundo os datos do estudo, aquelas empresas que actualizaron o seu Blog Corporativo entre 16 e 20 veces ao mes, conseguiron 3 veces máis "leads" que aquelas que non actualizaron o seu Blog Corporativo. Ademais, aquelas empresas que actualizaron os seus Blogs Corporativos polo menos 20 veces ao mes conseguiron case 4 veces máis "leads" que aquelas empresas que non actualizaron o seu Blog Corporativo.

Os datos deste estudo tamén nos indican que os Blogs que contiñan moitas entradas conseguiron máis tráfico que aqueles con poucas entradas. Así, os Blogs con máis de 200 entradas obtiveron 4,6 veces máis tráfico que os Blogs con menos de 20 entradas. Do mesmo xeito, os Blogs Corporativos con máis de 200 entradas conseguiron 3,5 veces máis "leads" que os Blogs Corporativos con menos de 20 entradas.

O estudo levado a cabo pola empresa Hubspot tamén mostra que existe unha correlación entre o número de páxinas diferentes das que consta unha Páxina Web e o tráfico e os "leads" que esta recibe. Así, os datos mostran que aquelas Páxinas Web que constaban de entre 401 e 1000 páxinas obtiveron 9 veces máis tráfico e 6 veces máis "leads" que as Páxinas Web que constaban dun número de páxinas entre 51 e 100.

Á vista de toda esta información, queda claro que existe unha forte correlación entre a frecuencia coa que se actualiza un Blog ou unha Páxina Web e o número de visitas que recibe ou o número de "leads" que pode xerar, de modo que, aqueles Blogs ou Páxinas Web que se actualizan con maior frecuencia obteñen en xeral un maior número de visitas e un maior número de clientes potenciais.

 


Entradas Relacionadas: 

Categorías: Divulgación