Modificada a Lexislación Española sobre as Cookies

O pasado día 2 de Abril de 2012 entrou en vigor a modificación introducida no artigo 22.2 da Lei de Servizos da Sociedade da Información e do Comercio Electrónico (LSSI-CE), que ten por obxectivo o de adecuar o devandito artigo á Directiva Comunitaria 2009/136/CE. Antes de proceder a explicar en que consisten estes cambios lexislativos e como afectan aos propietarios dunha páxina web, repasemos o concepto de cookie.

Que é unha Cookie?

Cando un usuario visita unha páxina web desde o seu navegador, a páxina web pode enviarlle unha cookie. Esta cookie non é máis que un pequeno ficheiro de texto que almacena información útil para esa páxina web acerca dese usuario. A páxina web pode recuperar ese ficheiro e ler a información contida nel cada vez que o usuario visita de novo esa páxina web. Por exemplo: cando un usuario visita unha tenda online, dita tenda online pode almacenar os produtos que o usuario vai engadindo ao carriño da compra nunha destas cookies.

As cookies úsanse de modo habitual nunha gran cantidade de páxinas web, permitindo optimizar os recursos do servidor web e facer máis agradable e sinxela a experiencia do usuario. Así, por exemplo, cando un usuario introduce o seu nome de usuario e contrasinal para entrar nunha páxina web, unha vez que o nome de usuario e a contrasinal son validados e aceptados, a páxina web pode enviar unha cookie ao navegador do usuario indicando que o usuario foi correctamente validado e evitando así que o usuario deba introducir novamente o seu nome de usuario e contrasinal cando este queira entrar de novo na páxina web. Este mecanismo é amplamente utilizado por páxinas web como: Google, Facebook, Twitter, etc.

En que consiste este cambio na lexislación española sobre as Cookies?

A modificación do artigo 22.2 da Lei de Servizos da Sociedade da Información e do Comercio Electrónico (LSSI-CE) que agora entra en vigor, establece que o usuario debe dar o seu consentimento para que un programa informático poida almacenar información no seu equipo e acceder a ela posteriormente. Como vimos, isto é xustamente o que fai unha páxina web cando utiliza as cookies, polo que toda páxina web que utilice cookies debe garantir ese consentimento do usuario para cumprir coa nova normativa.

A lexislación establece que unha páxina web pode enviar cookies ao navegador do usuario que a visita e recuperar posteriormente a información contida nesas cookies a condición de que exista o consentimento do usuario e se lle facilite ao mesmo unha información clara sobre que información será recompilada e cal é a finalidade coa que se recompila esa información.

Ademais, a lexislación establece que este consentimento do usuario pode ser proporcionado polo propio navegador web, a condición de que o usuario leve a cabo unha acción expresa de configuración do seu navegador web para permitir o uso das cookies no momento no que o navegador web é instalado ou actualizado.

Como cumprir coa nova lexislación española sobre Cookies?

Haberá que esperar a ver como se aplica esta lei na práctica para saber cal será a mellor forma de cumprir coa mesma, pero, a priori, parece que para que unha páxina web cumpra coa nova normativa debería ser suficiente con incluír no aviso legal da páxina web unha nova sección na que se explique ao usuario:

  1. Que a páxina web utiliza cookies.
  2. Que información será almacenada nesas cookies.
  3. Cal é a finalidade coa que esa información será almacenada nas cookies e posteriormente procesada.

En canto aos navegadores web, a nova normativa española establece que o usuario debe levar a cabo unha acción expresa no momento no que instala ou actualiza o seu navegador co obxectivo de indicar que desexa aceptar a utilización de cookies. Por tanto, de agora en diante, para que os navegadores web cumpran esta nova normativa española, a súa configuración por defecto debe impedir a utilización das cookies.

 


Información Relacionada:

 

Categorías: Noticias