Posicionamento en buscadores: Tipos

Unha vez que en anteriores entradas deste blog explicamos a importancia que ten para calquera empresa que a súa páxina web corporativa estea ben situada nos principais buscadores de internet, debemos preguntarnos como é posible lograr ese bo posicionamento. Para iso existen diferentes técnicas ou tipos de posicionamento que podemos aplicar. De entre eles, podemos destacar os seguintes:

  • Posicionamento orgánico, posicionamento natural ou SEO: o SEO (Search Engine Optimization) ou Optimización para Motores de Procura consiste nun conxunto de técnicas para optimizar as páxinas dun sitio web co obxectivo de mellorar o seu posicionamento dentro dos buscadores de internet máis importantes. Estas técnicas inclúen tarefas como:
    • A obtención de ligazóns entrantes cara á páxina web.
    • A optimización de palabras crave.
    • A optimización das URLs do sitio web.
    • A optimización dos contidos da páxina web.
    • A optimización da arquitectura da información.
    • A optimización do código fonte.
    • A mellora da accesibilidade.
    • A creación de contidos de calidade.
    • A actualización frecuente dos contidos.
    • A creación de blogs corporativos, foros de debate, etc.
    • O cumprimento dos estándares para o desenvolvemento web.

En xeral, a técnicas SEO requiren dun esforzo continuado e proporcionan un moi bo resultado no medio e longo prazo.

  • Posicionamento patrocinado ou SEM: o SEM (Search Engine Marketing) ou Márketing para Motores de Procura consiste en pagar unha pequena cantidade aos buscadores máis importantes para que unha páxina web corporativa sexa mostrada entre os primeiros resultados devoltos por eses buscadores cando os usuarios realizan neles determinadas procuras que resultan de interese para a empresa representada por ese sitio web corporativo. Estas técnicas requiren dun esforzo menor que as técnicas de SEO, aínda que teñen, polo xeral, un custo económico maior. Proporcionan bos resultados a curto e medio prazo. Para aplicar estas técnicas utilízanse servizos como Google AdWords ou Yahoo! Search Marketing.
  • Mercadotecnia Social ou SMM: o SMM (Social Media Marketing) ou Mercadotecnia para os Medios Sociais trata de estender a presenza en internet da empresa máis aló da súa páxina web corporativa, levándoa ao ámbito das redes sociais máis importantes, como: Facebook, Twitter, LinkedIn, Xing, etc. Trátase de establecer un diálogo entre a empresa e os seus clientes ou potenciais clientes para así poder coñecer de primeira man as necesidades reais dos mesmos. Isto permite adaptar a oferta da empresa a esas necesidades reais dos seus potenciais clientes e ofrecer unha mellor e máis directa atención ao cliente. Utilizando adecuadamente estas técnicas, en xeral, é posible conseguir unha maior satisfacción dos clientes.
  • Outros medios: pódese mellorar o posicionamento dun sitio web mediante a inserción de anuncios publicitarios noutros sitios web ou en revistas do mesmo sector, mediante a realización de campañas publicitarias tanto online como offline, etc.

Para obter os mellores resultados e obter un bo posicionamento para unha páxina web corporativa nos principais buscadores de internet e lograr que este posicionamento se manteña ao longo do tempo, é recomendable combinar todas estas técnicas, realizando un traballo constante.


Entradas Relacionadas:

Categorías: Divulgación