Vantaxes do Comercio Electrónico

Nesta entrada do blog exporanse de forma resumida as principais vantaxes que presenta o comercio electrónico para as empresas que o utilizan. Entre estas vantaxes proporcionadas polo comercio electrónico, podemos destacar:

  • Permite automatizar todo o proceso de compra de bens e servizos, reducindo así os gastos e custos de persoal, custos de xestión, custos de papel, custos de estudos de mercado, etc.
  • Permite manter informados constantemente aos clientes e potenciais clientes, tanto a través da páxina web corporativa, como a través de boletíns de noticias electrónicos (por exemplo: e-mails con ofertas, promocións, etc.), a través das redes sociais, etc. Isto permite o establecemento dunha relación máis estreita e directa cos clientes.
  • Permite que as empresas poidan darse a coñecer entre un maior número de clientes e permítelles abrirse a novos mercados (a todo o territorio nacional, exportar ao estranxeiro, etc.) sen que iso supoña un gran custo adicional.
  • Permite que as empresas poidan vender os seus produtos e servicios durante as 24 horas do día, os 365 do ano, sen que iso supoña un incremento dos seus gastos. Ademais, isto permítelles chegar a clientes que por diversos motivos non poden realizar as súas compras no horario normal de apertura das tendas físicas ou ben a aqueles tipos de clientes que prefiren realizar as súas compras desde as súas casas ou lugares de traballo sen ter que desprazarse a unha tenda física para adquirir os bens e servizos que necesitan.
  • Toda a información xerada durante o proceso de compra realizado nunha tenda de comercio electrónico é rexistrada electrónicamente. Unha análise posterior desta información permite, de forma sinxela: a realización de estudos de mercado, observar o comportamento de clientes e potenciais clientes, mellorar a efectividade do sitio web de comercio electrónico co obxectivo de incrementar as vendas, etc. Ademais, ao estar toda a información de produtos e servizos almacenada nalgún tipo de Base de Datos, elimínase a necesidade de realizar un inventario e facilítase a xestión do stock. O procesado de toda a información recollida durante a estancia dun usuario nun sitio web de comercio electrónico permite crear un perfil dese usuario; este perfil permite mostrar ao usuario produtos ou servizos relacionados con aqueles sobre os que mostrou o seu interese, ou relacionados con produtos ou servizos que adquiriu anteriormente, ou enviarlle promocións personalizadas con ofertas sobre eses produtos, aumentando así considerablemente a probabilidade de que ese usuario realice unha nova compra.
  • As tendas de comercio electrónico, ao recoller e procesar toda a información relativa aos procesos de compra realizados polos usuarios, permiten realizar unha fácil integración con sistemas de tipo CRM ou ERP.
  • Permite ofrecer ao cliente unha maior información, de forma instantánea e sempre correctamente actualizada, un mellor servizo e unha mellor atención, permitindo proporcionarlle soporte a través de novas vías de comunicación: e-mail, chat, foros de debate, blogs, conferencias e videoconferencias a través de internet, redes sociais, etc. Isto facilita á súa vez a fidelización deses clientes.
  • Permite obter unha difusión global dos produtos e servizos da empresa, facendo que eses produtos e servizos poidan ser vistos, comparados e adquiridos desde calquera lugar do mundo, en calquera momento, e desde múltiples dispositivos: computadores de sobremesa, computadores portátiles, netbooks, dispositivos móbiles (teléfonos móbiles, PDAs, etc.), televisores con conexión a internet, etc.
  • Permite igualar as forzas dentro dos mercados, incrementando a competencia nos mesmos e permitindo que as pemes poidan competir practicamente de igual a igual coas grandes empresas do seu sector.
  • Permite que os documentos xerados como consecuencia da actividade comercial realizada no sector do comercio electrónico poidan ser asinados electrónicamente, podendo asinar e-mails, facturas electrónicas, documentos electrónicos, etc.
  • Permite acurtar o ciclo de compra, eliminar intermediarios, reducir os inventarios e organizar máis eficazmente a distribución. Todo iso, unido á redución de custos asociada á utilización do comercio electrónico, permite que as empresas que utilizan o comercio electrónico poidan aumentar as súas marxes comerciais.
  • Supón unha forte vantaxe competitiva fronte aos competidores do mesmo sector que non ofrecen a posibilidade de adquirir os seus produtos e servizos a través dunha tenda de comercio electrónico.
  • O custo dunha campaña de mercadotecnia, promoción e publicidade online para unha tenda de comercio electrónico é moi inferior ao custo necesario para realizar unha promoción publicitaria tradicional dunha tenda física co mesmo grao de eficacia.

Na seguinte entrada deste blog resumiremos os principais inconvenientes das tendas de comercio electrónico. No entanto, as vantaxes do comercio electrónico superan amplamente ás desvantaxes, polo que contratar unha tenda virtual pode ser unha excelente oportunidade de negocio.


Entradas Relacionadas:

Categorías: Divulgación