O Comercio Electrónico ou E-Commerce

O Comercio Electrónico ou E-Commerce

O Comercio Electrónico, coñecido en inglés co nome de "E-Commerce", consiste na compra-venda de bens e servizos a través de redes de computadores, aínda que a maioría destas transaccións de compra-venda teñen lugar na rede internet. Actualmente é posible utilizar internet para buscar bens ou servizos, comparar os bens ou servizos ofertados por unha determinada empresa cos ofertados polos seus competidores, adquirir eses bens ou servizos, e mesmo pagalos electrónicamente.

As actividades do Comercio Electrónico han de levarse a cabo dentro do marco legal existente, establecido por leis como a Lei de Protección de Datos de Carácter Persoal de España (Lei Orgánica 15/1999 de 13 de Decembro, coñecida como LOPD),  a Lei de Servizos da Sociedade da Información e de Comercio Electrónico de España (Lei 34/2002 de 11 de Xullo, coñecida como LSSI ou LSSICE), a Lei de Medidas de Impulso da Sociedade da Información (Lei 56/2007, de 28 de Decembro) ou a Lei de Firma Electrónica (Lei 59/2003, de 19 de Decembro).

Estas leis tratan de regular certos aspectos implicados no ámbito do comercio electrónico, como son:

  • A privacidade dos usuarios.
  • A confidencialidade dos datos de carácter persoal.
  • A seguridade das transaccións electrónicas.
  • Etc.

Tipos de Comercio Electrónico

Desde o punto de vista dos usuarios que ofertan os bens ou servizos e os usuarios que os adquiren, podemos distinguir os seguintes tipos de comercio electrónico:

  • B2B (Business to Business): comercio electrónico entre empresas.
  • B2C (Business to Consumer): comercio electrónico entre as empresas e os consumidores finais.
  • B2G (Business to Government): comercio electrónico entre as empresas e a administración pública.
  • G2G (Government to Government): comercio electrónico entre administracións públicas.
  • G2C (Government to Consumer): comercio electrónico entre consumidores e administracións públicas.
  • C2C (Consumer to Consumer): comercio electrónico entre consumidores.

O feito de que o número de usuarios conectados a internet en todo o mundo creza de forma continuada, unido ao feito de que as transaccións realizadas a través de internet sexan cada vez máis seguras -superando xa en seguridade ás transaccións físicas-, e unido ao feito de que os usuarios perdesen (ou estean a perder) o "medo" a comprar a través de internet, fan que o comercio electrónico sexa cada vez máis atractivo tanto para as empresas como para os usuarios e supoña unha enorme oportunidade de negocio para as empresas.

En posteriores entradas deste blog profundaremos en diversos aspectos do comercio electrónico e  proporcionaremos algúns datos estatísticos que mostran as grandes taxas de crecemento que actualmente se dan dentro deste sector. O comercio electrónico é un dos poucos sectores que seguen crecendo nestes momentos a pesar da crise.

Categorías: Divulgación