Tipos de Hosting ou Aloxamento Web

Tipos de Hosting ou Aloxamento Web

Na entrada anterior deste Blog tratamos de explicar de forma sinxela que é o hosting ou aloxamento web, onde se pode contratar este tipo de servizo e en que aspectos debemos fixarnos á hora de contratar o hosting para unha páxina web. Nesta entrada, explicaremos cales son os principais Tipos de Servizos de Hosting ou Aloxamento Web existentes na actualidade, así como os aspectos nos que estes tipos de Servizos de Aloxamento Web se diferencian.

Diferenzas entre os diferentes tipos de Servizos de Hosting

Existen unha grande variedade de aspectos nos que se diferencian os diferentes tipos de Servizos de Hosting ou Aloxamento Web existentes. De entre eles, os aspectos máis importantes a ter en conta á hora de decidir o tipo de Servizo de Hosting a contratar son:

  • Espazo en disco: é o espazo dispoñible para a nosa páxina web no Servidor Web que a aloxará.
  • Transferencia mensual: é a cantidade de información que o total dos usuarios que visiten a nosa páxina web poderán descargar mensualmente. Por exemplo, se a nosa páxina web está composta por un único arquivo cuxo tamaño é de 100KB e a transferencia mensual que nos proporciona o noso servizo de aloxamento web fose de 500KB, a nosa páxina web só podería ser visitada 5 veces cada mes.
  • Contas de correo electrónico: é o número de contas de correo electrónico que poderemos crear pertencentes ao nome de dominio da nosa páxina web.
  • Linguaxes de programación: son as linguaxes de programación dinámicas que podemos utilizar para crear a nosa páxina web, por exemplo: PHP, Ruby, Python, etc.
  • Tipos de Bases de Datos: son os tipos de bases de datos que podemos utilizar para crear o noso sitio web, por exemplo: MySQL, MariaDB, PostgreSQL, etc.
  • Número de Bases de Datos: número de Bases de Datos diferentes que podemos utilizar para a creación da nosa páxina web.
  • Soporte: é o servizo de soporte ofrecido pola empresa que proporciona o servizo de hosting cando temos un problema coa páxina web que temos aloxada usando os seus servizos. Este servizo adoita ofrecerse vía e-mail ou ben telefonicamente. Se a túa páxina web é un blog persoal probablemente este aspecto non resulte demasiado importante á hora de valorar os diferentes servizos de aloxamento web existentes no mercado, pero se a túa páxina web é unha tenda online de cuxo correcto funcionamento dependen os teus ingresos, deberías asegurarte de que o servizo de soporte funciona as 24 horas do día, os 7 días da semana e os 365 días do ano. Do mesmo xeito, nese caso deberías asegurarte de que cando xurda un problema, este servizo de soporte vaite axudar de forma eficaz e vaiche permitir resolver o problema o máis axiña posible.

Principais Tipos de Hosting ou Aloxamento Web

Aínda que existen outros tipos de Servizos de Aloxamento Web destinados a cubrir necesidades moi concretas, os principais tipos de Servizos de Hosting ou Aloxamento Web existentes na actualidade son os seguintes:

Hosting Gratuito

O Hosting Gratuíto é un Servizo de Aloxamento Web polo que non debemos pagar nada. Normalmente as funcionalidades que ofrece este tipo de hosting son moi limitadas. Así,  tanto o espazo dispoñible para aloxar os ficheiros da nosa páxina web como a transferencia mensual adoitan ser moi reducidos. Estes servizos de hosting adoitan ser gratuítos porque introducen publicidade dentro das páxinas web que son aloxadas utilizándoos.

Hosting Compartido

O Hosting Compartido ou Aloxamento Web Compartido consiste en aloxar varias páxinas web nun mesmo Servidor Web, de modo que os recursos do devandito servidor compártense entre todas as páxinas web aloxadas no mesmo. Deste xeito os custos do Servidor Web repártense entre todos os sitios web aloxados nel, resultando así un servizo de aloxamento web bastante económico que resulta adecuado para páxinas web que non teñan requisitos especiais nin un número de visitas mensuais moi elevado.

A principal desvantaxe que ten este tipo de hosting para o usuario que aloxa nel a súa páxina web vén derivada do propio feito de que a súa páxina web compartirá recursos con outras moitas páxinas web aloxadas no mesmo servidor. Deste xeito, se por exemplo unha desas páxinas web pertence a un usuario que a utiliza para enviar spam, a dirección IP do servidor pode ser engadida a unha lista negra, facendo que todas as páxinas web aloxadas no mesmo servidor se vexan afectadas, non podendo enviar correo electrónico ningunha delas ata que o problema sexa solucionado.

 

VPS (Servidores Privados Virtuales)

Neste caso o que contratamos é un servidor virtual. É dicir, a empresa provedora do servizo de hosting utiliza a técnica de virtualización para dividir un Servidor Web real en varios Servidores Virtuais. Cando contratamos un destes Servidores Virtuais, podemos traballar con el coma se fose un Servidor Web non compartido e ao que só nós temos acceso, aínda que realmente sí estaremos a compartir os recursos do Servidor Web real con outros Servidores Privados Virtuais aloxados nel.

Este tipo de aloxamento web ten a vantaxe de que nos permite reservar de antemán recursos no Servidor Web para ter garantido así o correcto funcionamento da nosa páxina web. Por exemplo: se a nosa páxina web está aloxada nun hosting compartido, pode ocorrer que nun momento dado o resto de páxinas web que comparten o servidor web coa nosa estean a recibir moito tráfico, provocando que os recursos do servidor web se esgoten e provocando que a nosa páxina web responda de forma lenta ou provocando mesmo que se atope inaccesible. Isto en cambio non ocorre se a nosa páxina web está aloxada nun Servidor Privado Virtual (VPS - Virtual Private Server) pois neste caso teremos uns recursos reservados no Servidor Web para a nosa páxina web independentemente de que os esteamos utilizando ou non, e por tanto, o que ocorra co resto de páxinas web aloxadas no mesmo Servidor real non afectará ao rendemento da nosa páxina web.

Servidores Dedicados

Cando contratamos un servidor dedicado, ese servidor será única e exclusivamente utilizado por nós. Neste caso todos os recursos do servidor están dispoñibles para o uso que queiramos darlle.

Cloud Hosting ou Aloxamento Web "na nube"

Neste tipo de Aloxamento Web, os recursos de multitude de Servidores Web combínanse de modo que para nós actúan como un único Servidor no que podemos aloxar a nosa páxina web. A principal vantaxe deste tipo de hosting é a súa gran flexibilidade, pois permite axustar de forma dinámica e en tempo real os recursos utilizados pola nosa páxina web en función da demanda real de recursos que a páxina web necesita en cada momento. Así, por exemplo, se nun momento dado a nosa páxina web recibe un pico de tráfico, pasarían a utilizarse un número maior de recursos para poder atender todo ese tráfico e no momento no que ese pico desaparece, a páxina web pasará a utilizar un número menor de recursos, adecuándose aos novos niveis de tráfico que está a recibir.

Do mesmo xeito, trátase dunha solución moi fiable, pois se por exemplo, un dos Servidores Web que se están combinando para aloxar a nosa páxina web deixase de funcionar, ao momento outro Servidor Web substituiríao para que a nosa páxina web siga funcionando correctamente en todo momento.

Este tipo de Aloxamento Web tamén ten a vantaxe de que podemos pagar polos recursos que realmente utilizamos, en lugar de ter que pagar unha cota fixa polo aloxamento do noso sitio web en función dos recursos que cremos que poderiamos necesitar para que a nosa páxina web funcionase correctamente en todo momento, que é o que ocorre cando contratamos algún dos outros tipos de hosting.

Que é o hosting ou aloxamento web administrado/non administrado?

Moitos provedores de Servizos de Aloxamento Web realizan esta distinción, ofrecendo servizos de aloxamento web administrados e non administrados. Se contratamos un servizo de hosting administrado, a empresa que nos proporciona o servizo de aloxamento web encargarase de garantir o correcto funcionamento do servidor, de garantir a súa seguridade, etc. Un servizo de hosting administrado resulta máis caro pero permítenos centrarnos no noso proxecto e esquecernos de problemas de configuración, seguridade, etc. Para garantir a calidade do Servizo de Hosting Administrado, a empresa provedora do servizo limitará as accións que podemos realizar sobre o servidor, o software que podemos utilizar no mesmo, etc.

Pola contra, un Servizo de Aloxamento Web Non Administrado resultará máis barato, pero seremos nós os que teremos que encargarnos de garantir o correcto funcionamento do servidor e da páxina web ou aplicación web que esteamos a executar nel.

Que tipo de hosting elixir?

O tipo de Hosting ou Aloxamento Web máis adecuado dependerá en gran medida das necesidades do teu proxecto. Se vas comezar un novo proxecto e non tes ningunha necesidade especial, é moi probable que un hosting compartido sexa máis que suficiente. Se o teu proxecto ten éxito e empeza a crecer, o hosting compartido resultará insuficiente pero sempre poderás migrar a túa páxina web ou a túa aplicación web a un hosting máis potente, como pode ser un Servidor Privado Virtual (VPS), un Servidor Dedicado ou mesmo un Cloud Hosting.

Doutra banda, se non tes coñecementos técnicos de configuración e administración de sistemas informáticos, o mellor será delegar estas tarefas no proveedor do Servizo de Hosting contratando un Servizo de Aloxamento Web Administrado.


Entradas Relacionadas:

Categorías: Divulgación