Próxima Celebración da DrupalCamp Spain 2012

Unha "DrupalCamp" é un evento organizado pola comunidade do Sistema de Xestión de Contidos (Content Management System ou CMS) Drupal. Este tipo de eventos está enfocado á libre difusión de coñecementos sobre o CMS Drupal, a impartir formación sobre o mesmo e, en xeral, a fomentar a discusión e a aprendizaxe sobre calquera tema relacionado con Drupal.

Este tipo de eventos está organizado por voluntarios da comunidade Drupal e está aberto a calquera persoa que desexe aprender máis sobre este CMS.

As "DrupalCamp" son eventos que se celebran anualmente naqueles países nos que a comunidade local de usuarios do CMS Drupal é o suficientemente numerosa e participativa, celebrándose polo xeral nunha cidade diferente cada ano.

En España, a Asociación Española de Drupal é a encargada de coordinar a organización das diferentes "DrupalCamp". Este ano resultou elixida a candidatura de Madrid como cidade sede da "DrupalCamp Spain 2012", que terá lugar os días 20 e 21 de Outubro na Escola Universitaria de Informática da Universidade Politécnica de Madrid (UPM).

Na "DrupalCamp Spain 2012" impartiranse unha serie de charlas sobre o Sistema de Xestión de Contidos (CMS) Drupal orientadas a todos os niveis e perfís de usuarios que utilizan ou desexan utilizar este CMS. Tanto se xa es un experto no manexo do CMS Drupal, coma se es un completo novato, e tanto se es un programador coma se es un deseñador ou un maquetador, seguro que atopas máis dunha charla que se adapte aos teus intereses.

O nivel das charlas que se impartirán este ano é especialmente alto, existindo algunhas charlas a priori tan interesantes como:

  • Por que é o meu sitio tan lento?.
  • Principios de deseño para xente que non deseña.
  • Facebook con Drupal en 8 horas.
  • Drupal Commerce: presente e futuro do comercio electrónico con Drupal.
  • Drupal Mobile.
  • etc.

Estas charlas serán impartidas por poñentes de primeiro nivel e de recoñecido prestixio dentro da comunidade Drupal, como: Pedro Cambra, Jose Reyero, etc.

Podes consultar a lista completa de charlas que se impartirán na "DrupalCamp Spain 2012" dentro da propia Páxina Web do evento. Tamén podes manterte ao tanto de toda a información relacionada coa celebración das DrupalCamp en España seguindo a conta de Twitter de DrupalCamp Spain.

Se conseguimos animarche a asistir á celebración da próxima "DrupalCamp", non tardes demasiado en mercar a túa entrada para asistir á "DrupalCamp Spain 2012", pois seguro que as entradas dispoñibles non tardarán moito en esgotarse.

 


Entradas Relacionadas:

Categorías: Noticias