Características dunha boa Tenda Online (1/2)

Existen unha serie de características que debe reunir unha tenda online para que poida ter éxito en internet. O que unha tenda online reúna estas características non é garantía de éxito, pero si resulta indispensable que as reúna para que poida telo, pois o non reunir estas características pode facer que un posible cliente non se sinta atraído pola tenda online ou sinta desconfianza á hora de comprar nela.

Se a tenda online posúe estas características, o éxito xa non dependerá das propias características da tenda, senón de factores como: a competitividade do sector, a lei da oferta e a demanda, campañas de mercadotecnia e publicidade para dar a coñecer a tenda online, posicionamento do sitio web, etc.
A continuación resúmense as principais características que debe posuír unha boa tenda online:

  • Usabilidade: a tenda online debe ser sinxela de usar, facilitando en todo momento a tarefa de atopar información sobre os produtos ou servizos ofertados, así como a tarefa da compra dos devanditos produtos ou servizos. Por tanto, a navegación do sitio web debe ser o máis sinxela e intuitiva posible e permitir que o cliente potencial poida atopar o que busca no menor tempo posible, incluíndo elementos que faciliten a procura desa información, por exemplo: un buscador interno dentro da tenda online, un mapa do sitio web, etc.
  • Presentación atractiva: a tenda online debe presentar os produtos ou servizos ofertados de forma atractiva para o cliente potencial. Non esquezamos que o cliente non poderá tocar fisicamente os produtos, polo que unha presentación adecuada dos mesmos influirá de forma moi importante na toma de decisión da compra. Por este motivo, deben proporcionarse os elementos multimedia necesarios para que o cliente poida observar adecuadamente as características do produto ou servizo ofertado: imaxes de calidade, vídeos, etc.
  • Descricións detalladas: a tenda online debe proporcionar unha descrición detallada de cada produto ou servizo ofertado, na que se expliquen de forma clara e sen ningún tipo de ambigüidade todas as características do produto ou servizo. Esta información pode complementarse con referencias a información adicional como por exemplo: referencias a artigos sobre ese tipo de produto ou servizo, manuais de uso, preguntas frecuentes sobre ese tipo de produto ou servizo, etc.
  • Información sempre actualizada: a información dos produtos ou servizos ofertados debe estar sempre perfectamente actualizada.
  • Bo deseño gráfico: o deseño visual da tenda online debe resultar agradable e atractivo para os usuarios, sen estridencias que poidan distraelo no seu proceso de compra. Este deseño debe resaltar os produtos e servizos ofertados, presentándoos da forma máis atractiva posible pero resultando sobrio e funcional. O sitio web da tenda online debe ofrecer credibilidade e confianza.
  • Información de compra accesible: o cliente debe poder visualizar en todo momento a información sobre os produtos ou servizos que seleccionou para a súa compra, cantidades dos mesmos, etc. e debe resultar sinxelo modificar estas cantidades antes de finalizar a compra.
  • Validez da información de compra: o cliente debe poder observar en todo momento o prezo final dos produtos ou servizos ofertados, incluíndo a desagregación de: impostos, custo do envío, etc. así como o período de validez do prezo especificado. Ao mesmo tempo, debe poder consultar en todo momento a información sobre o tempo de entrega de cada produto ou servizo, condicións de compra, información sobre devolucións, datos de contacto da empresa no caso de que necesite axuda ou información adicional, etc.

Estas son algunhas das principais características que debe reunir unha boa tenda online. Na seguinte entrada deste blog ampliaremos esta información, completando esta relación de características.


Entradas Relacionadas:

Categorías: Divulgación